Boas familias:
Intentaremos a continuación solventar algunhas das dúbidas que nos estades consultando.
- As actividades interactivas:
Algúns non sodes quen de abrilas. O Adobe Flash Player, como ben me comentaba unha nai, tenderá a desaparecer. Hai dispositivos que non aceptan ben a súa instalación. Outra nai díxome que lle abren mellor co Explorer que co Chrome. É cuestión de probar.
Conclusión: non vos volvades tolos e tolas se nos vosos dispositivos non podedes abrilas. Non é preciso facer todo o que se vos propón no blog. Intentádeo, pero se non é posible non desesperedes.
-Actividades imprimibles:
Moitas familias non teñen posibilidade de imprimir as fichas. Podedes coller lapis e papel, folios, unha libreta,...e copiarlles actividades das fichas que podedes visualizar pero non imprimir. Xa sabemos que iso leva o seu tempo, pero repetimos, non é preciso facer todo.
- Serven outras actividades que vós propoñades tendo en conta os contidos que xa traballamos.
Tede en conta que na numeración chegamos ata o 99. Podedes plantexar actividades de anterior-posterior, maior e menor, facer series de 2 en 2, de 10 en 10. Sumas (de momento mellor sen levadas ainda que xa tiñamos iniciadas as sumas con levadas non nos deu tempo de adicarlle as sesións suficientes), resta sen levadas, problemas sinxelos de suma e resta dunha soa operación.
Xa coñecen todas as letras polo que agora trátase de coller soltura na lectura e na escritura. Poden crear pequenos contos e ilustralos, facer un pequeno diario, escribir algunha receita de cociña e poñela en práctica, inventar poesías, escribir a letra dalgunha canción, pequenas descricións de persoas, paisaxes, animais,...
Todas estas ideas poden servir para os que non poden dispoñer dun dispositivo para visualizar continuamente as actividades que imos propoñendo ou que non poden imprimilas.
Seguimos contestando aos vosos correos. Moito ánimo. Unha aperta moi forte para o noso alumnado e para as súas familias.
Seguimos en contacto!
Mari e Vanesa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario