lunes, 13 de abril de 2020

XA ESTAMOS DE VOLTA! PROPOSTA PARA A SEMANA DO 14 AO 17 DE ABRIL

     Bo día a todos/as:

     Que tal estes días de merecido descanso para os nenos e nenas?  Desexamos que todo vaia ben e que todos/as teñamos as pilas un pouco máis cargadas.

     A proposta desta semana para estes catro días vai ser rematar os libros de lingua castelá e lingua galega. Hai unha comprensión lectora en cada libro e unha serie de exercicios que eles xa controlan debido a que se vai repetindo a mesma dinámica ao longo dos temas.

   Debido a que son dúas clases diferentes e nos imos adaptando aos ritmos de cada grupo, hai alumnado que xa ten adiantado parte deste traballo en ambos libros. Para os que xa teñen ese traballo feito propoñemos unhas fichas que poderán ir facendo ao seu ritmo ao longo desta semana. O alumnado que vai rematar os libros NON ten que facer estas fichas.

    Estamos á espera de que nos indiquen como debemos avanzar o que queda de  curso. É unha situación complicada debido a que  hai alumnado que non dispón de ordenador, outro non pode imprimir, algúns precisan de axuda das familias para poder avanzar e comprender as tarefas (familias que, en moitos casos, seguen traballando,...). O mércores parece ser que hai unha reunión e esperamos que cheguen a un acordo que contemple as diferentes situacións que están a vivir todas as familias. En función do que nos indiquen, xa vos informaremos para que saibades como imos facer a partires do luns 20 de abril. 

    Compartimos o pensamento de Francesco Tonucci (psicopedagogo italiano) cando di: "No perdamos este tiempo precioso dando deberes". É un tempo que todas as familias debemos de aproveitar para facer outras moitas cousas e actividades que non están nos libros. Algunhas delas son: coñecer o que hai na casa (lavadora, tender roupa, ver como funciona a electricidade, a auga,...); facer cousas en familia ( coser un botón, facer un boneco de trapo,...); considerar a cociña como un obradoiro de ciencias ( cociñar, escribir receitas,...); escribir un diario onde se expresen sentimentos,...

     Como sabemos (polos correos que nos escribistes), hai familias traballando e non dispoñen de todo o tempo que lles gustaría para compartir cos seus fillos/as. É por iso que vos iremos facendo diferentes propostas para que vaian repasando o moito que aprenderon este primeiro curso desta etapa. Unha vez máis recordamos que vaiades respetando o ritmo de cada neno e nena. As actividades que vos ofrecemos non son obrigatorias, podedes facer unha selección das mesmas para adaptarvos ás vosas propias circunstancias. 

     Por favor, se tedes dúbidas, consultádeas con nós. Alegrarémonos moito de saber como estades levando a situación e de saber tamén se o que vos propoñemos se adapta ás vosas circunstancias.

                                                                                      Un saúdo e moito ánimo.
                                                                                      Mari e Vanesa.




     NOTA:  na entrada anterior, tedes fichas de lingua castelá, lingua galega e matemáticas.




No hay comentarios:

Publicar un comentario